Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta enxalza “Sabores e Saberes no Camiño” como exemplo do potencial turístico da oferta gastrocultural do Camiño


O Centro Cultural Luis Seoane no concello do Pino acolleu o terceiro “showcooking” programado dentro desta iniciativa de “O Teu Xacobeo”

A proposta conta cunha axuda autonómica de algo máis de 11.000 euros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde do Pino, Manuel Taboada, participou nunha nova sesión do programa Sabores e saberes no Camiño, impulsada pola Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFAs) de Galicia co obxectivo de por en valor a oferta gastrocultural dos concellos do Pino, Arzúa, Palas e Melide e a súas posibilidades como elementos dinamizadores das áreas rurais do Camiño de Santiago.

Enmarcada no programa O Teu Xacobeo co que a Xunta busca diversificar e achegar a celebración do Xacobeo 21-22 a todo o territorio galego, o programa inclúe un total de 9 obradoiros de cociña en directo que se están a celebrar en diferentes puntos do Camiño de Santiago e para os que a Xunta de Galicia destinou unha axuda de algo máis de 11.000 euros.

O Centro Cultural Luis Seone do Pino foi o lugar escollido para celebrar este terceiro showcooking, centrado en poñer en valor a raza autóctona do Galo e a Galiña Piñeira. As irmás Cristina e Cecilia Sanmartín do restaurante Casa San Martín, en Lalín, premio de gastronomía Galo de Curral, foron as encargadas de enxalzar as posibilidades culinarias desta raza autóctona a través de elaboracións como o galo en receita tradicional ou a vieira con chacina de Galo Piñeiro.

O proxecto continuará ao longo do mes de maio con máis demostracións de cociña temáticas que terán lugar en Melide, Palas de Rei e Arzúa.